urbanismo e infraestruturas

  • Impulsaremos o desenvolvemento do Plan Xeral de Ordenación Municipal

    Converténdoo no principal instrumento ao servizo dun crecemento ordeado e sostible do noso municipio, de xeito que sexa compatible o aumento do parque residencial coa dotación das novas infraestruturas e dos servizos públicos necesarios para mellorar a calidade de vida dos/as estradenses.

  • Axilizaremos a tramitación e concesión de licenzas dende o Departamento de Urbanismo

    No marco do desenvolvemento do PXOM, estruturaremos o traballo do Departamento de Urbanismo para garantir unha maior dilixencia na atención aos cidadáns e reducir o período de tramitación e concesión de calquera tipo de licenza de obra ou actividade.

  • Ampliación da alameda municipal

    Finalizaremos o proceso iniciado para a consecución dos terreos que permitirán ampliar a alameda municipal ata a rúa Castelao, engadindo 4.506 metros cadrados de superficie que se adicarán a zonas verde e áreas de lecer.

  • Reurbanización da área da Baiuca

    Comezaremos nos primeiros seis meses do mandato as obras de reurbanización dos terreos do vello campo de fútbol da Baiuca para convertelos na nova área de servizos públicos de carácter social. Esta zona acollerá, entre outras infraestruturas, a nova gardaría infantil.

  • Plan parcial SUD-R06 Avenida de Vigo

    Colaboraremos coa entidade promotora do Plan Parcial SUD-R06 Avenida de Vigo para axilizar e facilitar o desenvolvemento dun ámbito de 37.465 m2 de superficie, que suporá un investimento no noso pobo de 28,07 millóns de euros e que permitirá a construción de 205 vivendas e a instalación dunha superficie comercial de Mercadona.

  • Inicio da construción da Rolda Verde

    Aproveitando o desenvolvemento do Plan Parcial SUD-R06 Avenida de Vigo iniciaremos a construción dun primeiro treito da denominada Rolda Verde, que transcorrerá pola zona sur do núcleo urbano.

  • Desenvolvemento urbanístico do SUNC-R01 Avenida de América

    Impulsaremos o desenvolvemento do ámbito de 13.925 m2 de superficie que comprende os terreos situados dende a Praza do Mercado cara á zona do Cruceiro (paralelos á rúa Capitán Bernal e á Avenida de América), que posibilitará a creación dun aparcamento en superficie, público e gratuíto, de máis de 60 prazas, nas proximidades do Novo Mercado.

  • Desenvolvemento urbanístico do SUNC-R02 Rúa de Forcarei

    Activaremos o desenvolvemento público do Solo Urbano Non Consolidado R02, que comprende un ámbito de 23.065 metros cadrados de superficie na zona situada dende a Rúa de Forcarei cara a prolongación da rúa Antón Losada Diéguez. Neste ámbito o Concello da Estrada obterá 3.740 metros cadrados de superficie para zonas verdes e áreas de lecer e 5.190 m2 de solo para equipamentos públicos.

  • Prolongación da autovía a Santiago dende A Ramallosa

    Agora que a recuperación económica comeza a consolidarse e a conxuntura financieira é xa máis propicia, a prolongación da autovía a Santiago dende A Ramallosa será un obxectivo prioritario e irrenunciable para o goberno do Partido Popular durante o vindeiro mandato no eido das infraestruturas viarias.

  • Construción da variante da Estrada

    Dacordo cos compromisos adquiridos recentemente polo Ministerio de Fomento, acometerase a construción da variante da Estrada, que terá unha lonxitude de 8,7 quilómetros e que conectará dende o Alto da Cruz ata Callobre. Esta infraestrutura suporá un investimento global de 50,5 millóns de euros.

  • Solicitaremos a mellora da saída pola estrada N-640 cara Cuntis

    Unha vez estea en marcha a construción da variante da Estrada, sumarémonos á demanda de construción da variante de Cuntis para optimizar a conexión do noso municipio cara á costa ou, no seu defecto, reclamaremos a mellora do trazado correspondente ás curvas do Castro Loureiro.

  • Supresión ou abaratamento da peaxe da autoestrada AP-53 para facilitar a conexión coa Meseta

    Continuaremos reivindicando a supresión -ou no seu defecto, o abaratamento- das tarifas da peaxe da autoestrada AP-53, principalmente para os usuarios do treito que comprende dende o enlace de Orazo ata Silleda. Con esta demanda pretendemos favorecer e acurtar o tempo de conexión coa Meseta sen que iso supoña un custo elevado para os usuarios.

  • Melloras no vial A Estrada-Paradela

    Xestionaremos con outras Administracións os recursos necesarios para acometer unha mellora integral deste vial, de xeito que se incremente substancialmente a seguridade tanto para os vehículos como para os peóns.

  • Acondicionamento da estrada Baloira-Pontecesures

    Por cuestións de seguridade vial e tamén como unha nova alternativa de mobilidade para conectar A Estrada coas zonas de Padrón e a costa do Barbanza, promoveremos diante da Administración competente a redacción e execución dun proxecto de mellora deste vial.

  • Mellora da accesibilidade na contorna urbana

    Comprometémonos a eliminar progresivamente as barreiras arquitectónicas nas rúas do pobo e nalgúns puntos do rural, así como a mellorar a accesibilidade nos edificios públicos para equiparar as condicións de vida de todos os cidadáns e facilitar a independencia daquelas persoas con mobilidade reducida.

  • Adoptaremos medidas para combater o feísmo urbanístico

    Colaborando cos veciños para mellorar a estética visual dos accesos ao centro do pobo e requerindo a finalización de obras e baixos sen rematar ou en estado de semi-abandono.

  • Finalizaremos a dotación de beirarrúas e servizos no treito da Avenida de Fernando Conde máis próximo á glorieta das Colonias

    Concluiremos os traballos xa iniciados para urbanizar a entrada ao núcleo urbano pola Avenida de Fernando Conde dende a rotonda das Colonias, dando resposta a unha reivindicación histórica e mellorando a seguridade nun percorrido peonil moi utilizado para camiñar.

  • Promoveremos a humanización de rúas e espazos urbanos públicos

    Ao longo dos vindeiros catro anos desenvolveremos intervencións estratéxicas de acondicionamento, mellora e humanización de rúas e espazos urbanos de uso público, avogando pola redución do tráfico, a creación de zonas peonís máis amplas e a recuperación de espazos degradados. Entre as actuacións programadas destacan as seguintes:
    – Avenida de América.
    – Avenida Fernando Conde.
    – Rúa Pérez Viondi.
    – Rúas Irida e Castelao, aproveitando a ampliación da alameda municipal ata a rúa Castelao.

  • Deseño e creación dunha praza aberta diante do edificio de Usos Múltiples

    Tras o traslado da Biblioteca Municipal á Casa das Letras, a conversión do edificio de Usos Múltiples na Casa da Música e a instalación da base de Protección Civil na nova Central de Emerxencias de Toedo, comprometémonos a acondicionar o espazo exterior situado entre o edificio de Usos Múltiples e o MOME como unha área de lecer aberta á Avenida Benito Vigo.

  • Creación de máis de 300 prazas de aparcamento en superficie (libre e gratuíto)

    Comprometémonos a crear nas distintas zonas dos novos desenvolvementos urbanísticos máis de 300 prazas de estacionamento en superficie, de carácter libre e gratuíto.

  • Mantemento de zonas provisionais de estacionamento público

    Darémoslle continuidade aos acordos alcanzados para a utilización de zonas provisionais de estacionamento público e tentaremos xestionar acordos novos en solares baleiros en zonas céntricas nas que existe unha maior necesidade de prazas de aparcamento.

  • Compromiso de creación de máis de 15.000 m2 de superficie de zonas verdes e espazos de lecer, entre grandes áreas e micro-parques

    Garantimos a creación de máis de 15.000 metros cadrados de superficie de zonas verdes e áreas de lecer, entre os ámbitos dos novos desenvolvementos urbanísticos e a creación de micro-parques infantís en áreas xa existentes.