turismo

  • Constitución da Mesa Local de Turismo

    Comprometémonos a constituír nos primeiros seis meses do vindeiro mandato a Mesa Local de Turismo, como órgano de carácter consultivo no que estarán representados todos os axentes socioeconómicos con intereses no sector turístico.

  • Plan Estratéxico de Turismo

    Ao abeiro do labor e das propostas da Mesa Local de Turismo, coordinaremos a elaboración dun plan estratéxico fundamentado en catro grandes áreas de traballo:
    – A promoción nacional e internacional dos nosos recursos, de xeito individual e tamén en colaboración con outras Administracións Públicas.
    – A renovación e edición de novos materiais de promoción, avogando tamén pola utilización dos recursos que aportan as novas tecnoloxías.
    – A especialización turística, de xeito que se ofrezan paquetes específicos que optimicen e potencien os recursos endóxenos do noso propio municipio.
    – A desestacionalización da oferta turística, reforzando a súa diversificación e impulsando o aproveitamento dos eventos, recursos e servizos xa existentes.

  • Reubicación da Oficina de Turismo e ampliación das datas de apertura

    Aproveitando o acondicionamento da praza situada diante do edificio de Usos Múltiples, acometeremos o traslado da Oficina de Turismo á alameda municipal e xestionaremos con outras Administracións os recursos económicos e humanos necesarios para ampliar as datas de apertura e funcionamento da mesma.

  • Proxecto de estudo, recuperación e posta en valor do Castro de Barbude

    A través da xestión dun acordo de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.

  • Sinalización dos recursos turísticos e patrimoniais

    Como complemento á iniciativa de mellora da sinalización das parroquias e lugares, promoveremos a instalación de sinais e paneis informativos na contorna dos principais recursos turísticos do noso concello (naturais, arquitectónicos, culturais, relixiosos, etc.).

  • Adecentamento da contorna da ponte de Pontevea

    Xestionaremos a adecuación dos terreos situados na ribeira do río Ulla ao seu paso por Pontevea, na marxe correspondente ao Concello da Estrada, para potencialo como un novo punto de encontro e interese turístico.

  • Homologación e creación de novas rutas de turismo e potenciación da difusión doutras xa existentes:

    No marco do Plan Estratéxico de Turismo, avogamos polo aproveitamento dos recursos turísticos existentes e pola súa posta en valor mediante a creación e dinamización de rutas específicas:
    – Impulsaremos a difusión da Ruta do Románico.
    – Homologaremos a ruta da Fervenza de Callobre.
    – Homologaremos a ruta das Canteiras da Pedra Mona (A Estrada-Cuntis).
    – Crearemos e homologaremos unha ruta de pequeno percorrido pola zona sur do Concello da Estrada.

  • Adecuación da contorna dos coutos de Ximonde e Xirimbao

    Darémoslle continuidade aos traballos de adecentamento da contorna dos coutos salmoneiros de Ximonde e Xirimbao para incrementar o seu actractivo turístico.

  • Revalorización do conxunto etnográfico de Vesacarballa (Sabucedo)

    Xestionaremos con outras Administracións os recursos necesarios para levar a cabo unha intervención que permita a súa posta en valor.

  • Renovación e ampliación dos materiais e recursos de promoción turística

    Editaremos novo material informativo e promocional, tanto en soportes impresos como audiovisuais.

  • Habilitar un área de servizo específica para o estacionamento de autocaravanas

    Para captar ao novo segmento de turistas que se desprazan neste tipo de vehículos, proporcionarémoslle un área de estacionamento cos servizos básicos (auga, conexión eléctrica, etc.), o que contribuirá a dinamizar economicamente a zona do rural que se elixa.

  • Xestionaremos a instalación de cámaras web en puntos de especial interese turístico

    Coa finalidade de reforzar a promoción turística no exterior, xestionaremos a instalación de cámaras web en puntos como a Praza do Concello coa finalidade de que poidan ser incorporadas tanto á páxina web municipal como a outras externas que aporten difusión, como, por exemplo, a da CRTVG.