mocidade

  • Aumentaremos a partida orzamentaria da Concellería de Xuventude

    Comprometémonos a incrementar nos Orzamentos Municipais dos exercicios do vindeiro mandato a partida orzamentaria para o desenvolvemento das iniciativas propias que emprenda a Concellería de Xuventude.

  • Creación da Casa da Mocidade no inmoble da antiga oficina do INEM

    En colaboración e coordinación con outras Administracións rehabilitaremos o devandito edificio, situado preto da Casa das Letras, para convertelo no epicentro das actividades municipais orientadas á mocidade nos ámbito informativo, lúdico, formativo, etc.

  • Posta en marcha dun Punto de Información Europeo na Casa da Mocidade

    Para brindarlle á xuventude estradense información centralizada sobre actividades e iniciativas do seu posible interese que se desenvolven nos países da UE.

  • Ampliación puntual do horario de apertura da biblioteca da Casa das Letras

    Para facilitarlle as condicións de estudo aos mozos/as, especialmente nas épocas de exames.

  • Inclusión na Área de Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela

    Finalizaremos no segundo semestre de 2015 o proceso administrativo xa iniciado para incorporar ao Concello da Estrada á Área de Transporte Metropolitano de Santiago coa finalidade de implementar melloras no servizo e de abaratar os custos das viaxes, especialmente aos usuarios frecuentes.

  • Potenciaremos o asociacionismo e o voluntariado xuvenil

    Favorecendo a xeración de novos colectivos e apoiando aos xa existentes con recursos económicos, materiais e equipamentos para as actividades que organicen e establecendo medidas de reforzo positivo para os/as mozos/as que se impliquen en iniciativas de voluntariado social (entradas para espectáculos culturais ou musicais, agasallo de libros municipais, etc.).

  • Fomentaremos o desenvolvemento de modelos de ocio xuvenil positivo

    Programando dende as Concellerías de Xuventude e Cultura iniciativas formativas, culturais, lúdicas e sociais de interese para a mocidade e tamén promovendo hábitos de vida saudables.

  • Construción dun “skate park” na contorna da Estación de Autobuses

    Comprometémonos a construír no primeiro ano de mandato un “skate park” na contorna da Estación de Autobuses para complementar o esforzo dinamizador levado a cabo pola asociación xuvenil “La Estación”.

  • Promoción de intercambios xuvenís e culturais con outros países

    Xestionaremos a inclusión do Concello da Estrada en programas públicos de intercambios xuvenís que permitan aos mozos e mozas do noso municipio relacionarse coa xuventude doutros países, coñecer os seus lugares de orixe, aprender outros idiomas e vivir novas experiencias que contribúan á sua formación e ao seu crecemento como persoas.

  • Organización de “Semanas brancas”

    A través da colaboración cos centros educativos ou ben dende a propia Concellería de Xuventude, para posibilitar que a xuventude estradense poida gozar de estancias vacacionais mentres aprende a práctica do esquí.

  • Favoreceremos a emancipación xuvenil facilitando o acceso a vivendas de aluguer (individuais ou compartidas)

    Mediante a creación dunha Bolsa de Axudas para o Fomento do Aluguer entre a mocidade menor de 30 anos de idade, sempre e cando cumpran uns requisitos mínimos establecidos con criterios técnicos.

  • Promoveremos a organización dunha “party” informática

    Apoiando iniciativas locais xa existentes neste eido, encamiñadas a fomentar as novas tecnoloxías entre a mocidade e ao intercambio de coñecemento nesta materia.

  • Apoiaremos ao talento artístico da mocidade con axudas específicas

    Habilitaremos unha liña de achegas económicas orientadas a impulsar que a mocidade estradense con habilidades artísticas especiais poida formarse e amosar o seu talento.

  • Organizaremos xornadas e obradoiros centrados en temáticas de interese xuvenil

    Sobre orientación formativa e opcións do mercado laboral, educación sexual, igualdade, etc.