medio rural e agro

  • Elaboración dun proxecto de desenvolvemento rural para optar a fondos europeos no marco dos criterios da “especialización intelixente”

    Aproveitando os incentivos establecidos pola Comisión Europea para que as distintas zonas de Galicia se preparen para a “especialización intelixente”, ou o que é o mesmo, para basear o seu crecemento naquelo que mellor saben facer e máis poden diferencialas, dende o goberno do PP comprometémonos a liderar a elaboración dun proxecto de desenvolvemento rural vinculado a estes criterios para optar a fondos europeos. Este proxecto basearase na innovación, o aproveitamento económico dos activos e recursos endóxenos do noso rural e a implicación da mocidade nun novo modelo social que permita vivir no rural e vivir do rural.

  • Acometeremos a segunda fase da mellora da estrada Liñares-Valboa

    Iniciaremos nos primeiros seis meses do mandato as obras de mellora da estrada Liñares-Valboa correspondentes á segunda fase, que comprende dende Riobó ata Oca e que suporá un investimento de 750.000 euros. Esta actuación beneficiará directamente a máis de 3.000 veciños que residen nunha decea de parroquias desa zona do municipio.

  • Plan Integral de Mellora das Infraestruturas Rurais

    Dacordo coas indicacións dos propios veciños de cada parroquia, elaboraremos durante o primeiro semestre do mandato un Plan Integral de Mellora das Infraestruturas Rurais que permita priorizar os investimentos en pavimentacións e arranxo de pistas, na ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga, na mellora do alumeado público, etc.

  • Reforzo da “Brigada de Mantemento Rural”

    Organizaremos o traballo dos operarios municipais e dos empregados contratados ao abeiro dos plans temporais dependentes doutras Administracións Públicas, de xeito que haxa unha “Brigada de Mantemento Rural” que funcione permanentemente. O seu cometido será, principalmente, a mellora da rede viaria de estradas, camiños e pistas, pero tamén o arranxo e acondicionamento doutras infraestruturas existentes nas parroquias, como son os locais sociais, os puntos de encontro, etc.

  • Mellora da sinalización das parroquias, lugares e puntos de especial interese

    Seguiremos a mellorar, ampliar e homoxeneizar os elementos de sinalización das parroquias, lugares e puntos de interese especial (natural, cultural, turístico, etc.), facéndoos máis accesibles tanto para os veciños como para os visitantes.

  • Impulsaremos o funcionamento dun tecido asociativo máis sólido

    Potenciaremos a xeración e o funcionamento dun tecido asociativo máis sólido no medio rural, a través de axudas e accións que contribúan a arraigar a poboación nas nosas parroquias. Para iso, intensificaremos o apoio económico e as xestións con outras Administracións a prol das Asociacións de Mulleres Rurais.

  • Melloraremos a rede de telecomunicacións da Estrada Dixital e impulsaremos a alfabetización dixital dos veciños residentes nas parroquias

    A través dos servizos da Estrada Dixital e mediante xestións cos grandes operadores, melloraremos as infraestruturas de telecomunicacións nas nosas parroquias e impulsaremos as actividades formativas para reducir a “fenda dixital” aínda existente entre o medio rural e o núcleo urbano.

  • Melloraremos o servizo de recollida selectiva de lixo

    Optimizaremos a xestión dos residuos das parroquias mediante o incremento do número de colectores de lixo separativo e a adaptación da frecuencia de recollida en función das necesidades detectadas.

  • Dotación de áreas de lecer e xogos infantís nas parroquias

    Apostaremos pola creación en diferentes puntos do rural de microáreas de lecer dotadas con xogos infantís.

  • Dinamizaremos a actividade social do rural mediante competicións interparroquiais

    Fomentaremos a actividade social dos/as veciños/as do rural mediante a posta en marcha de competicións lúdicas interparroquiais e xogos tradicionais (dominó, truco, chave, etc.).

  • Crearemos unha senda peonil dende a igrexa de Matalobos ata o Alto da Cruz

    Coa finalidade de mellorar a seguridade viaria e tamén para incrementar a lonxitude do circuíto peonil que adoitan realizar moitos veciños/as que camiñan ou corren pola estrada N-640 ata o Alto da Cruz. Así, terán posibilidade de retornar cara Matalobos pola nova senda peonil desta estrada provincial.

  • Creación da Oficina Municipal do Rural (OMUR)

    Converténdoa nun punto de atención centralizada para a prestación de servizos de información técnica, xurídica, medioambiental e económica para os/as estradenses residentes no medio rural.

  • Reubicación da Oficina Agraria Comarcal

    Colaboraremos coa Consellería do Medio Rural na reubicación da Oficina Agraria Comarcal nunhas novas dependencias no pobo que permitan atender aos agricultores e gandeiros nunhas mellores condicións.

  • Estreitaremos a colaboración coas cooperativas agrarias

    Darémoslle continuidade á colaboración mantida no anterior mandato coas cooperativas agrarias mediante aportacións económicas para o desenvolvemento da súa actividade e tamén a través de xestións con outras Administracións Públicas.

  • Posta en marcha dun Servizo Municipal de Substitución Agraria

    Dende o goberno do PP impulsaremos a posta en marcha dun Servizo Municipal de Substitución Agraria que permita aos propietarios de explotacións agrícolas e gandeiras poder gozar de vacacións e “xornadas de respiro” garantíndolles unha atención profesional da súa explotación.

  • Instalación dun CLED no Concello da Estrada

    Xestionaremos coa Xunta de Galicia a instalación dun Centro de Limpeza e Desinfección (CLED) de vehículos de transporte de gando por estrada coa finalidade de minimizar os riscos de transmisión de enfermidades infecciosas.

  • Favoreceremos a incorporación dos/as mozos/as ao sector primario

    A través da organización de xornadas temáticas e cursos de formación.

  • Potenciaremos a comercialización de alimentos e produtos autóctonos no Novo Mercado e en eventos especializados

    A través do Novo Mercado e tamén mediante a organización de feiras propias e a participación conxunta en eventos turísticos e comerciais fóra do noso municipio, potenciaremos a comercialización dos alimentos e produtos autóctonos (sidra, leite, queixo, embutidos, etc.).

  • Reforzaremos o apoio á Feira da Sidra

    Para situala como o gran escaparate dunha actividade económica que conta cunha base produtiva en progresión en diferentes zonas do rural estradense.

  • Xestionaremos o avance das concentracións parcelarias

    Xestionaremos coa Consellería do Medio Rural a axilización dos procesos de concentración parcelaria iniciados (Arca, Codeseda e Monte de Val de Vea II) e reivindicaremos o decreto doutras zonas reclamadas polos veciños, como as de Souto e Cabanelas.

  • Seguiremos apoiando a Feira da Becerra Selecta

    Impulsaremos as edicións futuras deste certame como evento que contribúe á dinamización do sector gandeiro local e como punto de encontro das cooperativas e profesionais do sector gandeiro de toda a bisbarra.

  • Potenciaremos a Feira Cabalar de Pascua

    Manteremos a Feira Cabalar de Pascua no calendario de certames anuais e potenciarémola a través dunha maior colaboración coa Sociedade Cabalar da Estrada (Socade).

  • Promoveremos a experimentación de novos cultivos

    Coa finalidade de promover a diversificación das rendas rurais, colaboraremos con entidades públicas e privadas vinculadas ao ensaio e experimentación de novos cultivos no noso municipio.

  • Avanzaremos no desenvolvemento do proxecto Cernes para completar o ciclo dos produtos agrarios locais

    A través da colaboración coa Consellería do Medio Rural e coas entidades implicadas no desenvolvemento do proxecto Cernes (Comunidade de Espazos Rurais para unha Nova Economía Sostible) traballaremos para posibilitar que se complete o ciclo da produción, transformación e comercialización dos produtos agrarios locais que poidan ter saída no mercado.

  • Reparación das marquesiñas de agarda do transporte escolar

    Para que os/as rapaces/as das parroquias poidan agardar os autobuses sen ter que estar ao aire libre, especialmente en épocas cunha climatoloxía adversa.