emprego e promoción económica

  • Desenvolveremos solo industrial público no polígono de Toedo

    No transcurso dos vindeiros catro anos, prorporcionarémoslles ás empresas interesadas en asentarse no Concello da Estrada solo industrial público a prezos asequibles e competitivos no Polígono Industrial de Toedo, onde o PXOM prevé ata 370.980 m2 de superficie en dúas novas fases de ampliación. Asemade, daremos os pasos necesarios para acelerar a concesión de licenzas ás empresas e industrias interesadas en asentarse na ampliación privada existente, promovida por Sansinaes.

  • Implementación dun Programa de Atracción de Investimentos

    Poremos asesoramento integral e incentivos fiscais a disposición dos proxectos empresariais viables economicamente e cun compromiso real e por escrito de creación de postos de traballo no noso municipio.

  • Axilizaremos os trámites administrativos para a implantación de empresas

    No marco xurídico da Lei de apoio aos emprendedores, favoreceremos, na medida do posible, a simplificación da burocracia e dos trámites administrativos para facilitar a creación e implantación de empresas (industrias, comercios, etc.).

  • Proporémoslle á Xunta de Galicia un proxecto de desenvolvemento viable, por fases, para os terreos situados no plan sectorial da Cidade do Moble

    De continuar a evolución positiva do escenario macroeconómico, coordinaremos e xestionaremos coa Xunta de Galicia unha proposta viable -cun desenvolvemento por fases- para os terreos incluídos no proxecto sectorial da Cidade do Moble, de forma que contribúa a incrementar a oferta de solo industrial público no noso Concello.

  • Iniciativas para a revitalización do sector da fabricación de mobles

    Presentaremos un plan específico con medidas e accións orientadas á recuperación da puxanza do sector da fabricación de mobles, mediante asesoramento para facelas viables, mellorar a súa competitividade e reforzar a súa saída cara aos mercados internacionais. Asemade, traballaremos na valorización e revitalización da marca “Capital do moble de Galicia”.

  • Optimizaremos a rendibilidade da Fundación de Exposicións e Congresos

    Coa incorporación dunha nova dirección que oriente á fundación cara o autofinanciamento e a convirta nun elemento dinamizador da economía local a través dunha maior utilización das instalacións e da organización de novos eventos feirais.
    Posta en marcha e potenciación do Viveiro de Empresas
    Culminaremos o proceso de posta en marcha do Viveiro de Empresas no primeiro andar do edificio do Novo Mercado e potenciaremos o seu funcionamento para favorecer a plena ocupación da decea de espazos de “co-working” dispoñibles.

  • Creación da Escola Municipal de Emprendedores e do Premio ao Emprendemento na Estrada

    Favoreceremos a promoción da cultura do emprendemento mediante a creación dunha Escola Municipal de Emprendedores que desenvolva accións educativas e formativas vencelladas á creación e xestión de empresas. Ademais, instauraremos o Premio ao Emprendemento na Estrada para distinguir ás iniciativas máis innovadoras e de éxito.

  • Incrementaremos a Bolsa de Axudas aos Emprendedores/as

    Continuando co esforzo económico xa iniciado no presente mandato e co obxectivo de facilitar a consolidación das empresas que comezan a súa actividade, aumentaremos a partida destinada a subvencionar a fondo perdido a creación de novas actividades económicas.

  • Colaboración multilateral con outras Administracións Públicas para desenvolver políticas activas e plans de formación e emprego

    Favorecendo a empregabilidade dos/as parados/as mediante Plans Integrados de Formación e Programas de Práctica Laboral.

  • Xestión de Obradoiros de Emprego coa Xunta de Galicia

    Tras a consecución de tres Obradoiros de Emprego consecutivos, seguiremos a optar á consecución destes obradoiros en novas convocatorias para executar obras de interese xeral.

  • Programaremos novos cursos de formación continua específicos para desempregados/as

    Para mellorar as súas capacidades e as posibilidades de atopar emprego, conforme ás necesidades dos perfís profesionais que demandan os diferentes sectores económicos. Ademais, promoveremos obradoiros de empregabilidade para formar a parados/as sobre técnicas de búsqueda de traballo, elaboración do Currículum Vitae, enfoques axeitados dunha entrevista de traballo ou dunha proba de selección, etc.

  • Reforzo do apoio ás actividades e campañas promocionais da Asociación de Comerciantes da Estrada

    Intensificaremos a colaboración coa Asociación de Comerciantes da Estrada no desenvolvemento de campañas que redunden en beneficio do sector do pequeno comercio (campaña do Nadal, feiras de oportunidades, etc.).

  • Intensificaremos as accións formativas para favorecer a renovación do tecido comercial

    Impulsaremos, en colaboración coa Xunta de Galicia, a organización de accións formativas sobre os beneficios do Plan de Renovación do Tecido Comercial (dotado con 3 millóns de euros) e as liñas de subvencións creadas para potenciar a apertura de novos negocios comerciais.

  • Avaliaremos a extensión das zonas de estacionamento regulado (zona azul e zona verde)

    Coa finalidade da favorecer unha maior rotación de vehículos nas rúas máis céntricas e con maior densidade de establecementos comerciais.

  • Estudo sobre as perspectivas económicas do Concello da Estrada

    Proporémoslle á Asociación Comarcal de Empresarios (ACE) a elaboración conxunta dun estudo e análise das perspectivas do noso Concello e das potencialidades de diferentes sectores e actividades empresariais.