benestar social e sanidade

  • Novo centro de saúde

    De acordo co protocolo de colaboración asinado coa Consellería de Sanidade, xestionaremos a construción dun novo centro de saúde que responda ás necesidades asistenciais dos/as veciños/as da Estrada e permita mellorar aínda máis a calidade dos servizos sanitarios.

  • Segunda escola infantil

    En colaboración coa Xunta de Galicia, construiremos e poremos en marcha para o curso 2016/17 unha segunda escola infantil, situada na zona da Baiuca, con máis de 70 prazas para nenos/as de 0 a 3 anos de idade.

  • Centro de Atención ao Maior

    Acondicionaremos no primeiro andar do Novo Mercado un Centro de Atención ao Maior para o desenvolvemento de actividades lúdicas e asistenciais orientadas ao envellecemento activo, promovendo a autonomía persoal e a prevención da dependencia.

  • Residencia da Terceira Idade

    Xestionaremos a construción dunha Residencia da Terceira Idade implicando a outras Administracións Públicas e a inversores privados.

  • Potenciación da Aula de Estimulación Cognitiva e atención aos enfermos de alzhéimer

    Estreitaremos a colaboración coa Asociación Galega para Atención de Enfermos de Alzhéimer (Agadea) coa finalidade de incrementar o número de usuarios beneficiarios da Aula de Estimulación Cognitiva situada no primeiro andar do edificio do Novo Mercado.

  • Creación dun Fondo Municipal de Rescate e Garantía Social

    En resposta a unha conxuntura excepcional de crise, crearemos un Fondo Municipal de Rescate e Garantía Social que permita buscar solucións ao drama dos desafiuzamentos e pagar un alugueiro e/ou os subministros básicos (auga e luz) a persoas en risco de exclusión social, de acordo cos informes técnicos do Departamento de Servizos Sociais.

  • Posta en marcha dunha Rede de Vivendas de Alugueiro Social

    Para garantirlle un fogar e unhas condicións de vida dignas ás persoas con menos recursos, mediante a negociación de acordos específicos con bancos, inmobiliarias e propietarios particulares, de xeito que as vivendas baleiras que teñan en stock poidan ofertarse a prezos simbólicos. Como contraprestación, o Concello garantirá o cobro da renda de alugueiro durante o período que se determine e os propietarios destas vivendas da rede de alugueiro social poderán beneficiarse de exencións fiscais.

  • Programas especiais de axuda social

    Impulsaremos os programas de axuda social existentes e crearemos outros novos para dar respostas efectivas ás necesidades da poboación máis desfavorecida nos eidos da alimentación, os recursos educativos dos menores, etc.

  • Programa de promoción e fomento do voluntariado social

    No contexto da apertura do Centro de Atención ao Maior no primeiro andar do Novo Mercado, promoveremos a constitución dunha nova rede municipal de voluntariado social.

  • Incrementaremos os recursos destinados ao Servizo Axuda no Fogar e ao programa de Teleasistencia

    Coa finalidade de incrementar o número de maiores beneficiarios, tanto no grupo de dependentes como no de libre concorrencia.

  • Axudas nominativas a entidades de axuda social sen ánimo de lucro

    En función da dispoñibilidade orzamentaria, incrementaremos os importes das subvencións nominativas ás entidades de axuda social sen ánimo de lucro coas que adoita colaborar o Concello da Estrada para a atención aos segmentos da poboación con menores recursos ou cunha problemática singular.

  • Instauración dunha Gala Solidaria cunha periodicidade anual

    Dende o goberno do PP promoveremos a celebración dun evento solidario anual coa finalidade de recadar fondos para colectivos sen ánimo de lucro cunha recoñecida traxectoria de traballo social e atención aos máis necesitados.

  • Colaboración coas entidades e colectivos promotores da acollida de nenos estranxeiros que viven habitualmente en zonas e situacións desfavorecidas

    Reforzaremos a colaboración coas entidades e familias implicadas na acollida de menores estranxeiros/as que padecen situacións desfavorecidas nos seus lugares de orixe, como o Programa “Vacacións en Paz”.

  • Favoreceremos a conciliación da vida laboral e familiar

    Coa construción e posta en marcha dunha nova gardaría infantil e con medidas como a organización dos campamentos infantís de verán e de Nadal, que garante aos pais e nais a atención dos seus fillos/as en épocas nas que non están escolarizados.

  • Accións de promoción da igualdade entre mulleres e homes

    Dende o Centro de Información á Muller desenvolveremos diferentes actividades encamiñadas á sensibilización da sociedade respecto da igualdade entre mulleres e homes, a non discriminación e a prevención da violencia de xénero.

  • Adhesión ao Programa “Cidades Amigas da Infancia” de UNICEF

    Xestionaremos a incorporación do Concello da Estrada a este programa e a obtención do selo CAI, que acredita a aplicación da Convención sobre os Dereitos do Neno no ámbito municipal.

  • Campañas de formación e sensibilización en nutrición e saúde

    Desenvolveremos campañas de concienciación e formación no eido da nutrición saudable dentro da estratexia de extensión de hábitos que contribúen a combater a obesidade infantil e xuvenil e á prevención de doenzas.

  • Organización de charlas sobre aspectos vencellados coa maternidade

    Dende a Concellería de Sanidade promoveremos a organización de charlas sobre aspectos relacionados coa maternidade (a preparación ao parto, a lactancia, etc.).

  • Máxima colaboración co Centro de Transfusión de Sangue (CTG)

    Coa finalidade de incrementar o número de doantes e o índice de doazóns rexistrado na Estrada no último mandato.

  • Programa sociosanitario de prevención e erradicación das drogodependencias

    Darémoslle continuidade e actualizaremos o Programa Municipal de Prevención do Consumo de Drogas, con especial atención á erradicación do tabaquismo, o alcolismo e a drogadición entre a mocidade.