administración, xestión e servizos

  • Apertura do Concello polas tardes, de luns a venres, para mellorar a atención e o servizo aos cidadáns

    Coa finalidade de facilitarlle aos/ás veciños/as a súa relación coa Administración Local, estableceremos un réxime de apertura e funcionamento dalgunhas dependencias municipais en horario de tarde, ofrecendo a máxima cantidade de servizos que a lexislación e a conxuntura laboral interna permitan.

  • Comprometémonos a manter a presión fiscal por debaixo da media dos concellos galegos da mesma categoría

    O goberno do Partido Popular garante que ao longo do vindeiro mandato non incrementará a presión fiscal correspondente aos tributos municipais e unicamente poderá actualizar as taxas percibidas para custear os distintos servizos en función das variacións dos seus custos.

  • Continuaremos implementando políticas de aforro para minimizar o gasto corrente

    A través da xestión de acordos máis vantaxosos con diferentes provedores e mediante a minimización de gastos en consumibles coa implantación de novos servizos de administración on line.

  • Seguiremos a acurtar os prazos de pago aos provedores

    Optimizando os procedementos internos para axilizar a tramitación das facturas e os pagamentos, en cumprimento da nova normativa en materia de morosidade.

  • Minimizaremos os gastos protocolarios

    Manteremos a política de austeridade practicada ao longo deste mandato no que concerne á redución de gastos protocolarios.

  • Renovación da páxina web do Concello e dos servizos telemáticos

    Impulsaremos de xeito definitivo a implantación dos servizos de teleadministración que xa empregan outras entidades punteiras, ao obxecto de facilitarlle aos veciños a realización dun gran número de trámites co Concello (pagos de impostos, sancións, consulta de expedientes, etc.). Para iso acometeremos unha profunda renovación do portal web municipal para situalo como o eixo da relación entre os veciños e a Administración Local.

  • Apostaremos polo dominio .gal como mostra do noso compromiso coa identidade e a lingua propia

    Realizaremos o proceso de migración de todas as páxinas web vencelladas a actividades da Administración Local aos dominios .gal, como mostra inequívoca do compromiso do Partido Popular coa identidade e a lingua galegas.

  • Implantación dun innovador proxecto de xestión de activos municipais

    Ao longo deste novo mandato comprometémonos a pór en marcha un novidoso sistema interno de xestión de activos municipais que nos permitirá monitorizar en tempo real, a través dun cadro de mando centralizado, o estado, funcionamento e incidencias de diferentes recursos públicos (alumeado, colectores de lixo, etc.).

  • Elaboraremos un Plan de Tráfico actualizado para regular os fluxos de mobilidade nas novas zonas de expansión urbanística

    Comprometémonos a elaborar un Plan de Tráfico que estableza os novos fluxos de mobilidade no núcleo urbano por mor das novas zonas de expansión urbanística e da crecente humanización do centro do pobo.

  • Creación dun Gabinete de Comunicación Municipal

    Coa finalidade de xestionar axeitadamente e de forma profesionalizada o inxente volume de información que xera o Concello da Estrada e tamén para responder á demanda da sociedade dunha maior e mellor comunicación por parte da Administración Local, comprometémonos a crear un Gabinete de Comunicación Municipal que centralice as relacións cos medios de comunicación, a edición dun boletín informativo periódico e a xestión e actualización das distintas páxinas web e redes sociais vencelladas á actividade municipal.

  • Normas de transparencia

    Aplicaremos todas as normas de transparencia xeralizando a publicación dos datos municipais que máis interesan aos cidadáns, como as subvencións, os procedementos de contratación, o custo efectivo e a calidade dos servizos, os fondos recibidos e investidos, as retribucións, etc.

  • Declaracións de actividades e bens dos cargos públicos

    Impulsaremos as declaracións de actividades, bens e dereitos ao comezo e ao cese da actividade pública, controlando a situación patrimonial de todos os membros da Corporación Municipal ao comezo e remate do mandato para avaliar posibles situacións de enriquecimento inxustificado.

  • Publicación das retribucións dos cargos municipais

    Faremos públicas de xeito anual a través do portal web do Concello as retribucións dos cargos municipais que as teñan.
    Promoveremos un acordo político para institucionalizar os debates electorais
    De xeito que os líderes dos partidos políticos que opten ás Eleccións Municipais de 2019 teñan que participar de xeito obrigatorio nun debate cos demais candidatos.

  • Instauración da celebración anual do Debate sobre o Estado do Concello

    Como medida de transparencia, fiscalización do exercicio de goberno e rendición de contas, instauraremos a celebración anual do Debate sobre o Estado do Concello.

  • Reforma da Lei Electoral

    Manifestaremos o noso apoio á reforma da Lei Electoral para que nas vindeiras Eleccións Municipais en todos os concellos de España sexa alcalde/esa quen encabece a lista máis votada.

  • Extensión de banda ancha e da fibra óptica a novas zonas do núcleo urbano

    Dacordo coas demandas veciñais e coas novas zonas de desenvolvemento urbanístico, xestionaremos cos diferentes operadores de telecomunicacións o extensión das liñas de banda ancha e da fibra óptica para dar servizo tanto aos particulares como ás empresas.

  • Xestionaremos o despregue no núcleo urbano da Estrada de novas redes de subministro de gas

    Partindo do interese amosado por compañías especializadas, tentaremos facilitar e axilizar a extensión do servizo de subministro de gas no núcleo urbano, exercendo ao mesmo tempo os controis necesarios sobre as empresas instaladoras para que as rúas nas que se actúe sexan restituídas ao seu estado antes das obras.

  • Finalizaremos a reforma do antigo Centro de Desenvolvemento Comarcal de Toedo para convertelo na nova Central de Emerxencias

    Situándoo como o centro de operacións da agrupación de Protección Civil e dos recursos destinados á extinción de incendios.

  • Mellora e ampliación dos equipamentos e recursos da Policía Local e da agrupación de Protección Civil

    A través de recursos propios e tamén mediante a xestión con outras Administracións, melloraremos o parque móbil tanto da Policía Local como de Protección Civil e dotarémolos dos recursos materiais e técnicos necesarios para o desempeño do seu cometido.

  • Manteremos a colaboración cos colectivos de estradenses no exterior

    Axudándolles ao desenvolvemento das súas actividades e á celebración de festas e eventos que manteñen vivo o seu vencellamento coa Estrada a pesares dos milleiros de quilómetros de distancia.

  • Convocaremos unha Comisión de Actualización do Rueiro

    Para proceder á renovación da denominación dalgunhas rúas e para “bautizar” aquelas que se abran nas zonas de expansión urbanística.

  • Reforzaremos o equipo de traballo e xestión de Radio Estrada

    Mediante a incorporación de novos profesionais da comunicación a través da Fundación Cultural, complementando así o esforzo que veñen realizando os traballadores nos últimos anos, coa finalidade de potenciar Radio Estrada como un referente informativo e de entretemento para a cidadanía local e de autoxestión para as demais emisoras galegas de ámbito municipal.